As Letras Galegas 2023 serán para Francisco Fernández del Riego

A Real Academia Galega vén de facer público que o escritor e político Francisco Fernández del Riego será o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023. Nun pleno reunido en sesión ordinaria este 9 de xullo, acordouse que se lle dedicará o 17 de maio a Fernández del Riego, coincidindo co sesenta aniversario das primeiras Letras Galegas.

Nado en Vilanova de Lourenzá no 1913, Francisco Fernández del Riego destacou por ser “un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país”. Pertenceu á xeración que deu continuidade ao Grupo Nós e foi un dos creadores da Editorial Galaxia a comezos dos anos 50. Ademais, foi idea do escritor celebrar o primeiro Día das Letras Galegas polo centenario de Cantares Gallegos, unha proposta que chegou tan só 3 anos despois no seu ingreso como membro de número na RAG, no ano 1960.

Fernández del Riego foi tamén unha das principais figuras do galeguismo progresista, sendo membro do Partido Galeguista, do Seminario de Estudos Galegos e secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista. É por iso que, coa chegada da Guerra Civil e da posterior dictadura, o autor foi represaliado polos golpistas e destituído como profesor de Dereito Civil da USC. Durante esta época viuse obrigado a mudarse a Vigo e incluso ocultar o seu nome, dándose a coñecer e firmando artigos como Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo.

Cos ollos do noso esprito, foi o seu primeiro libro, publicado en Bos Aires no 1949. Tras el chegarían outros títulos como Historia de la Literatura Gallega, Galicia no Espello, As Preregrinacións Xacobeas o Río do Tempo, O Cego de Pumardedón, A Pegada das Viaxes ou Con Pondal en Bergantiños, ao que se lle suman artigos en xornais, manifestos, discursos e conferencias. O ensaio e a literatura de viaxes foron os xéneros que máis cultivou.

Á súa bibliografía engádense ademais outros recoñecementos, como a cofundación da revista Grial no 1951, da Fundación Penzol no 1964 e a presidencia da Real Academia Galega no 1997. O seu compromiso coa lingua, a cultura galega e a modernidade fano merecedor das Letras Galegas,  unha homenaxe que chega cando se compren 110 anos do seu nacemento.

 

A RAG ACOLLE A MARÍA LÓPEZ SÁNDEZ COMO NOVA ACADÉMICA

No pleno celebrado tamén se votou a incorporación da filóloga María López Sández como na académica de número. A profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática ocupará a vacante do académico Darío Xohán Cabana, tras o seu pasamento. Co voto a favor destacan o “firme compromiso coa lingua e a cultura galegas dende unha perspectiva rigorosa e multidisciplinaria” da profesora e escritora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará