Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

As diferentes linguas do Estado únense para reclamar igualdade na nova Lei do Audiovisual

O recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico da nova Lei do Audiovisual é o que demandan asociacións das diferentes linguas do Estado. A través dun comunicado conxunto emitido o pasado 20 de maio, pedían “actuacións nun dos ámbitos onde a situación de exclusión das nosas linguas é máis evidente”.

Representantes de A Mesa pola Normalización Lingüística (Galicia), Euskalgintzaren Kontseilua (Euskal Herria), Òmnium Cultural, Plataforma per la Llengua, Ciemen, Acció Cultural del País Valenciá, Obra Cultural Balear, Escola Valenciana, Associació Cultural Valenciana Tirant lo Blanc, Federación de Organitzacions per la Llengua (Cataluña), Iniciativa pol Asturianu (Asturias) e Nogará religada (Aragón) pedían a través do comunicado unha igualdade de contidos e porcentaxes mínimas garantidas para todas as linguas na dobraxe, lendaxe e audiodescricións. A isto engadían a petición de financiamento anticipado para as producións audiovisuais nas canles e plataformas lineais ou baixo demanda.

O audiovisual “é unha das ofertas de lecer máis empregadas pola cidadanía en xeral e a mocidade e infancia e particular”, apuntan dende A Mesa, destacando o papel que pode exercer esta industria no desenvolvemento lingüístico, cultural e económico das diferentes rexións. Por iso, piden ao Goberno Español igualdade para todas as linguas e anuncian unha concentración o vindeiro 26 de maio diante do Congreso, cando se levará a proposta da nova Lei do Audiovisual ao pleno.

“Até hoxe, a lexislación xeral audiovisual só estableceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento para o castelán sen indicación nin recoñecemento, fóra da retórica baleira de contido, das outras linguas existentes no Estado español”, critican dende A Mesa. A isto engaden o feito de que plataformas internacionais como Netflix, HBO, Prime ou Disney quedan fóra da regulación, o que demostra deficiencias “co pretendido obxectivo de garantir a pluralidade lingüística”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.