Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Aproveita o Nadal para agasallar en galego

Libros, discos, cadernos e elementos decorativos, xogos, instrumentos musicais, roupa, complementos, prantas, enerxía, servizos profesionais, experiencias, alimentos… A Mesa pola Normalización da Lingüística distribuirá de xeito gratuíto esta fin de semana no Culturgal, en Pontevedra, un extenso catálogo con centos de propostas de compras e agasallos de Nadal. “Consideramos importante recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico”, afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e recorda que “coa decisión de facermos presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”.
Este catálogo forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. “Todas as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen implicacións”, afirma Maceira, “non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua”.
Entre as razóns que ofrece a Mesa para mercar un presente dunha empresa que traballa en galego é que se poida escoller a lingua, prestixiar o galego, crear postos de traballo no país ou apostar polas empresas e empresarios que utilicen o noso idioma. O catálogo xa se pode consultar na web.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.