Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Andy Chichester, o youtuber estadounidense que fala galego

Se sorprende como medran os contidos en galego nas redes sociais, aínda é máis abraiante que estes creadores sexan neofalantes. É o caso de Andy Chichester, que dende a súa canle de Youtube Mira quen fala galego comparte vídeos neste idioma.

Que o galego non ten fronteiras é algo que se demostra cada vez máis, e Andy faino dende Postdam, en Nova York. “Hai tres anos comecei a estudar e aprender galego e dende entón quedei totalmente enganchado, non hai volta!”, explica Andy nun vídeo compartido pola asociación Faladoiros de Vigo, que ofrece un espazo no que falar galego dende calquera parte do mundo.

O youtuber conta como se namorou da lingua e da cultura de Galicia, sen ter ningunha vinculación previa coa comunidade. O que sí sabía era castelán, mais agora prefire falar galego. Por iso, dende o outro lado do océano, chama á defensa a lingua galega. “Pois veña, a falar!”, anima Andy. “Como xeito de practicar falando, pedinlles a uns amigos meus facerme preguntas co propósito de contestar nun videoclip.  Estes son as respostas inéditas e sen ensaiar. Estou moi apaixonado por aprender e mellorar o meu galego. Aínda que eu cometa erros, vou mellorando pouco a pouco”, explica o estadounidense na descrición da súa canle.

O vídeo forma parte da campaña “Fálao, ti que podes”, reunindo a galegofalantes de diferentes países para demostrar que a pesar de non atoparse na comunidade, moitas persoas esfórzanse por falar a lingua, ao mesmo tempo que queren destacar o privilexio das persoas en Galicia de poder falar galego no día a día.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.