A versión beta de Pokemon Galicia xa ten data de estrea

Tyrunt galaico, tamén coñecido como Dinosetiño, Poochyena e Mightyena galaicos ou Delibird galaico son algunhas das formas rexionais que se poderán ir descubrindo na adaptación de Pokémon Galicia, un proxecto que xa ten data de estrea. Inaugurando o mes de agosto, dende as redes sociais de Pokémon Galicia anunciaron que a versión beta do xogo estará dispoñible o vindeiro mércores, día 10.

Tras máis dun ano de traballo, este proxecto verá a luz nos vindeiros días, un momento moi esperado non só para os seguidores do popular videoxogo, senón tamén para todos os curiosos que queiran saber como se adaptaron en forma de píxeles os lugares máis emblemáticos de Galicia.

Ao longo do ano, xa se deron a coñecer aos protagonistas do xogo, así como a outras personaxes, como Artai, a quen describen como “un rapaz de familia acomodada, algo impertinente, que tende a querelo todo e que renega do galego como lingua”, ou a Xavier Ruíz, “un empresario galego de éxito mundial” que “decidiu inverter parte do seu inmenso patrimonio na renovación do Camiño de Santiago”. A isto súmanselle outras personaxes e criaturas pokémon propias, que lle outorgarán unha identidade única ao videoxogo.

As Fragas do Eume, Cabeza de Manzaneda ou as principais cidades galegas, das cales xa publicaron imaxes dalgúns dos seus mapas, son só algúns dos lugares polos que se poderá pasar para acadar un obxectivo: completar o Camiño de Santiago. Con esta idea, Pokémon Galicia non segue a idea tradicional de percorrer ximnasios, se non que o que se pretende é chegar a Santiago de Compostela.

Outro das características principais do xogo é o uso do galego, algo que os creadores destacaron nunha entrevista a Neofalantes: “Non sería un xogo ambientado en Galicia se as personaxes non falasen galego. E, ademais de ser unha reivindicación do noso fermoso idioma, a propia lingua xogará unha parte importante na historia e na personalidade de máis dunha persoa”.

Pero, quen se atopa detrás desta iniciativa? Xoel e Alejandro, estudantes da Guarda e o Rosal respectivamente, son os creadores deste proxecto. Os mozos comezaron a idear a versión galega despois de coñecer o fangame Pokémon Iberia, de Eric Lostie, que, como o seu nome indica, se ambienta na Península. Ademais, ao igual que fará a versión galega, as referencias culturais e sociais son abundantes, tanto na creación de personaxes e criaturas, como nos percorridos e historias que se poden atopar.

Para descubrir máis sobre o xogo, dende a conta de Twitter @PokmonGalicia poderás estar ao tanto de todas as novidades. Máis será o día 10 de agosto cando se poidan descubrir todos os recunchos que se poderán percorrer polo mapa galego de Pokémon.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará