A UVigo crea unha guía para superar erros lingüísticos comúns como *sen embargo ou *plantexar

Quen non comete erros como *sen embargo, *xeralizar, *ubicación ou *búsqueda? Para iso a Universidade de Vigo publica a Breve guía para mellorarmos o uso do galego, que ten como obxectivo “superar os erros que conforman a nosa peculiar forma de comunicármonos e engrandecer o control que temos sobre as nosas prácticas comunicativas en lingua galega”.

A guía é o froito do traballo das técnicas da Área de Normalización Lingüística (ANL) da UVigo, María Cristina Rodríguez Ricart e Eva María Castro Figueiras, que fixeron o traballo a partir dos erros máis habituais que atopaban nos textos que revisaban.

Nun total de 36 páxinas, a guía revisa erros ortográficos e gramaticais, que a través dunha estética sinxela e amable axuda a detectar aquelas faltas lingüísticas máis comúns á hora de escribir. “Con este documento queremos seguir contribuíndo a superar esas eivas”, explica o director da ANL de Vigo, Fernando Ramallo. Para el, “mellorar o dominio formal e funcional dun idioma constitúe un esforzo permanente en todos e todas as falantes, maiormente como una esixencia persoal”.

Unha segunda parte da guía céntrase en aspectos de redacción e estilo, destacando o terceiro capítulo, que baixo o nome Para esquecermos recolle 56 palabras e expresións incorrectas, pero moi habituais. A nivel de, a partires de, aforo, búsqueda, conlevar, desenrolar, emprazar, listado, on line, plantexar, rasgo ou xeralizar son algúns dos exemplos, que veñen acompañados da forma correcta correspondente.

“En Galicia, dada a situación de contacto conflitivo que temos entre as dúas linguas oficiais, os erros na lingua minorada constitúen unha ‘normalidade’ que semella aceptada”, conclúe Ramallo, “non acontece cos erros ao redor do castelán en Galicia, en particular coas súas formas escritas, que adoitan estar moito máis (auto)vixiadas”. Máis información na web da UVigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará