A RAG propón cambiar a grafía dunha parroquia de Carballo tras anos de controversia

Real Academia Galega proporá á Xunta de Galicia que recolla no Nomenclátor revisado un cambio de grafía no nome da parroquia carballesa de Berdillo, ata agora escrito oficialmente con B. O Seminario de Onomástica da institución determinou, logo dun demorado e completo estudo, que as atestacións gráficas históricas autorizan a propor que pase a escribirse Verdillo, con V. O informe realizouse a pedimento do Concello de Carballo, onde entre a veciñanza é común o uso desta última grafía.
Un dos criterios que seguiu a Comisión de Toponimia para a fixación dos nomes de lugares no Nomenclátor de Galicia, publicado no ano 2003, foi a congruencia coas grafías históricas e etimolóxicas do galego común. Porén, cando a etimoloxía resulta escura, dubidosa ou controvertida, como é o caso de Verdillo, óptase, en xeral, pola grafía habitual na tradición escrita ou máis arraigada no uso actual. Deste xeito, decidiuse no seu día manter o B- inicial, pois así era como aparecía escrito o nome nos nomenclátores precedentes dos séculos XIX e XX.
Tras a solicitude do rexedor carballés, os membros do Seminario de Onomástica decidiron profundar na grafía histórica do topónimo, malia seren conscientes da opacidade do étimo que se agocha detrás da forma actual, porque aínda que adoita emparentarse popularmente coa voz común verde, esta relación carece de probas, ao contrario do que sucede noutros topónimos galegos como O Verde, Vilaverde, Castroverde ou derivados como Verdeal, A Verdella, Verducedo, Verducido ou Verdugo. “No caso que nos ocupa esta asociación non está demostrada, dado que non é clara a orixe lingüística da última parte da palabra, presente noutros topónimos como Arillo ou Perillo”, detalla o informe. Toda a información en Galicia Confidencial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará