A RAG, 116 anos de historia nos que publicou máis de 300 títulos

Dende a súa fundación no 1906, a Real Academia Galega non deixou de publicar títulos: dende dicionarios ata normativas da lingua, pasando por discursos da Academia e outros traballos. Agora, esta institución vén de completar a incorporación dixital ao seu portal de case todas as obras publicadas ata o de agora. Nesta última actualización sumáronse 177 títulos, dos 325 volumes dixitalizados dispoñibles.

Destaca nesta actualización o dicionario galego-castelán, elaborado polo arquiveiro bibliotecario César Vaamonde Lores e publicado de forma fascicular entre 1913 e 1928, así como a versión provisional do Vocabulario ortográfico da lingua galega de 1990. A isto tamén se lle suman edicións especiais das Días das Letras Galegas que se foron facendo co transcurso dos anos na honra de recoñecidos autores como Ramón Cabanillas, Carballo Calero, Francisca Herrera Garrido, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste ou Xesús couselo.

En canto á tipoloxía de discursos de ingreso na Academia, son os de Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xeanro Mariñas do Val e Xosé Neira Vilas e Luz Pozo Garza os que se dixitalizaron para a súa inclusión na rede.

A publicación periódica Cadernos da Lingua tamén completou toda a súa versión dixital, pois ata o de agora só estaban dispoñibles algúns números. Outros documentos como folletos de catálogos do centenario da academia e outros congresos e eventos realizados completan a lista.

As novas achegas suman case 37.000 páxinas, o que significa unha importante incorporación dende o punto de vista cuantitativo, así como cualitativo, pois a dixitalización destas obras supón un acceso máis doado e aberto a todos os cidadáns. Máis información en Galicia Confidencial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará