Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

A loita pola protección das linguas minorizadas, tamén no euskera

O pasado 15 de xuño na Inspección Académica en Baiona, ao suroeste de Francia, ducias de pais e profesores mobilizábanse na defensa do euskera. O movemento Azterketal Euskaraz (que significa Exames en Euskera) pide que na zona francesa con fala euskera os alumnos tamén poidan ser examinados nesta lingua.

Coincidindo co período de exames, tanto de bacharelato como do brevet -certificado educativo francés- pais e profesores do Seaska, a federación de ikastolas (centros educativos que utiliza como lingua vehicular o euskera), protestaron para reclamar o dereito de que as diferentes probas se poidan realizar en vasco. “Estamos fronte á inspección académica para exixir o dereito a realizar os exames en euskera”, explicou o membro de Seaska Elorri Falxa, como recolle o medio mediabask.eus.

No contexto desta protesta, a policía francesa intentou disolver a familias e profesorado que alí se atopaban, chegando a utilizar a violencia e gas lacrimóxeno. A protesta, que comezou de maneira pacífica, rematou nun enfrontamento entre manifestantes e corpos policiais. A resposta por parte dos corpos de seguridade foi denunciada en redes sociais, onde se compartiron imaxes do sucedido.

“Foi violento. Utilizaron gases lacrimóxenos pero ao final padres e alumnos do grupo #AzterketakEuskaraz (Exames en Euskera) conseguiu entrar á seda da Inspección Académica”, comparte, xunto cun vídeo, o usuario @IhintzaArrieta en Twitter. O mesmo perfil tamén compartiu imaxes das tensións vividas en Baiona, que rematou con algúns feridos.

Con estas protestas e coa ocupación da escola, queren conseguir unha resposta por parte do Goberno de Macron e do novo Ministro de Educación, Pap Ndiaye, para conseguir que algúns exames se poidan realizar na lingua do País Vasco, como se acordara no 2019.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.