Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

A guerra de Ucranía tamén afecta aos topónimos: Kiev ou Kíiv?

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) aprobou, na súa última reunión, as adaptacións ao galego de varios topónimos de Ucraína, a capital e outras cidades. Segundo explicou a RAG este martes a través dun comunicado, de acordo coas recomendacións internacionais e a “necesaria transliteración” desde o alfabeto cirílico da lingua ucraína, utilizarase Kíiv para o caso da capital do país, xa que é a forma máis adaptada ao sistema de vogais galegas acorde coa propia denominación oficial ucraína.

Como criterio xeral, o Seminario seguiu as recomendacións do grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU), baseadas no respecto ás formas de cada topónimo no seu idioma orixinal. Pero non sempre é posible cumprir con esta indicación debido á existencia de formas históricas na tradición de cada lingua ou a problemas de transliteración cando os nomes proceden, aclarou, como sucede cos ucraínos, dunha lingua que se escribe con caracteres diferentes. Neste último caso, explicou o Seminario de Onomástica, procúrase manter a coherencia das solucións propostas e ter en conta a harmonía coas linguas veciñas e internacionais, e a lexibilidade para a comunidade galega.

O comunicado recolle que o nome da capital de Ucraína foi difundido internacionalmente a través da adaptación rusa, Kiev. Pero tras a independencia desta antiga república soviética, o Goberno ucraíno promove para os usos internacionais Kyiv, un exónimo baseado nun sistema de transliteración que parte da pronuncia autóctona do nome. Esta solución foi recoñecida polo grupo de expertos en nomes xeográficos da ONU e é na que se basea Kíiv, adaptada ao sistema ortográfico galego, para posibilitar que se poida ler sen problemas.

LEÓPOLIS, E NON LEÓPOLE

O Seminario indicou que outros topónimos ucraínos se transliteran ao uso internacional co dígrafo < kh> para representar o son fricativo velar xordo, /x/, ausente no sistema consonántico galego. Nestes casos, proponse seguir a grafía internacional, pero empregando o sistema de acentuación da lingua galega, para facilitar a lectura de topónimos como Khersón e Khárkiv.

Esta institución tamén abordou a denominación doutras localidades de Ucraína como Lviv. Este é o nome oficial dunha cidade que foi coñecida historicamente en varios países europeos coa súa tradución ao grego, Leópolis (así se lle chamou en italiano, portugués ou castelán). A RAG considera correctas en galego as dúas formas, a oficial e a versión latinizada.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.