A división lingüística en Bélxica, duas linguas que medran de xeito separado

A convivencia de linguas en Bélxica vai máis alá do uso do francés e do holandés en diferentes sitios. A separación de Frandes e Valonia, por exemplo, non só é unha marca territorial, se non tamén lingüística. É por iso que se considera que o límite político e territorial do país é consecuencia directa das dinámicas lingüísticas, un feito estudado polos investigadores Jorge Mira, catedrático da USC, e Luís F. Seoane, científico do CSIC.

A través do artigo “Are Dutch and French languages miscible?”, os galegos acercáronse a realidade dos idiomas en Bélxica, e en concreto en Bruxelas, a única rexión na que holandés e francés teñen a cooficialidade. Como apuntan Mira e Seoane, Bruxelas proporcionoulles “un laboratorio social único” a través do cal se pode observar o desenvolvemento do contacto entre unha lingua romance, como é o caso do francés, e unha xermánica, o holandés.

“O obxectivo aquí non é prognosticar como podería evolucionar co tempo o número de falantes de cada lingua, senón máis ben estudar a interacción entre os dous idiomas durante un período limitado durante o cal recompilamos datos de maneira homoxénea”, explican Mira e Seoane. A través dun sistema de ecuacións, estudaron datos históricos comprendidos entre finais do s. XIX e mediados do s. XX de falantes en diferentes barrios da capital, para avaliar posteriormente a estabilidade do sistema de linguas cohabitantes.

Despois de recompilar os datos, chegaron á conclusión da existencia dunha tendencia a que o holandés e o francés medren de maneira segregada, o que significaría que non son linguas miscibles. Porén, os investigadores esperan que “as ideas sobre a posible convivencia entre ambas as linguas poidan achegar luz sobre os esforzos necesarios para manter o equilibrio lingüístico a longo prazo”.

A análise histórica da lingua, tendo presente a evolución das liñas divisorias e o “afracesamento” de Bruxelas foi posible grazas a modelos matemáticos, que xa se utilizaran previamente no caso de idiomas coexistentes como o galego-castelán ou o catalán-castelán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará