A comunidade científica da USC aposta polo uso do galego na ciencia

O uso do galego na Universidade de Santiago de Compostela restrínxese ao 25% das clases impartidas. Por iso, iniciativas como ‘II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible’ e ‘VÍDEO-ENXEÑOS. I Concurso de vídeos sobre enxeñaría informática e química’ procuran normalizar a lingua galega nos ambientes científicos.

As comisións de Normalización Lingüística da Facultade de Química e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC acaban de convocar dous certames de vídeos que manteñen aberto o seu prazo de inscrición. Estas iniciativas contan co apoio do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC.

QUÍMICA SOSTIBLE

No caso do “II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible” pode participar no concurso calquera membro da USC que presente un vídeo en galego, cun enfoque libre, dun máximo de tres minutos sobre unha achega concreta da química sostible na resolución de problemas nos ámbitos da saúde, o ambiente e a industria. Para presentar os vídeos cómpre enviar un correo ata o 20 de abril de 2022 (incluído) a [email protected] cos requirimentos establecidos nas bases do certame.

VÍDEO-ENXEÑOS

Divulgar entre a sociedade galega aspectos interesantes da enxeñaría informática e da enxeñaría química é unha das metas da primeira edición de ‘VÍDEO-ENXEÑOS’. O certame está aberto ao alumnado da ETSE que presente un vídeo en galego de entre dous e tres minutos. Poderá ser de carácter xeral sobre algunha temática emerxente dos estudos impartidos neste centro da USC. A presentación de traballos debe realizarse a través deste formulario. O prazo remata o día 29 de abril de 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará