72 horas en galego, o reto ao que se enfrontan 400 adolescentes de Culleredo

As aulas e corredores do IES Eduardo Blanco Amor e o IES Rego de Trabe encheranse de galego. De maneira simultánea, os dous institutos de Culleredo participarán nun reto que ten como protagonista o galego. Con #Desafío72h, case 400 alumnos comprométense de maneira voluntaria a falar en galego dende o 10 ao 12 de maio, 3 días nos que o galego será a lingua que se escoite non só no instituto, senón tamén en moitos fogares.

Ante as misteriosas mensaxes que aparecían nas aulas como “Atréveste?”, “Búscanse valentes” ou “Proba a saír da túa zona de confort”, foi moito o alumnado que comezou a preguntarse que estaba a ocorrer nos seus centros escolares. Adolescentes da ESO e Culleredo descubriron o misterio que se atopaba detrás dos papeis que aparecían nas súas aulas: un desafío para falar 72 horas en galego.

#Desafío27h é unha proposta dos dous institutos na que os alumnos e alumnas poden participar de maneira voluntaria, asinando un contrato nun dos niveis propostos do reto: o Eu ❤ galego, para aqueles que utilizarán a lingua no centro escolar, e o Eu ❤ galego +, para os que se animen a facelo fóra das aulas.

Ademais, os centros escolares ofrecerán paralelamente outras actividades para o fomento do galego, como un concurso de camisetas con lemas en galego e un de tatuaxes, unha xincana e diferentes sorteos.

Esta iniciativa, que partiu do alumnado do Club de Lingua do IES Rego de Trabe, pretende impulsar o uso do galego entre as xeracións máis novas, ofrecéndolle recursos en galego nas redes e dando a coñecer contido cultural do seu interese, como música, lecturas ou banda deseñada na nosa lingua. Dende os equipos de dinamización lingüística de ambos institutos explican que queren “crear reflexión sobre a posibilidade real de usar o galego a diario e lanzar unha mensaxe positiva favorable ao emprego do galego”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: