‘Terra’ de Tanxugueiras, número tres en tendecias e o soño de Eurovisión continúa

A banda folk galega Tanxugueiras segue a dar pasos de xigante camiño á súa elección para Eurovisión 2022. O estreo de ‘Terra’ que presentarán no concurso saiu á luz e cunha acollida incrible por parte de tódolo público.

A canción acadou o número tres en tendencias en Youtube con practicamente medio millón de visualizacións en tan só 48 horas dende a súa publicación. Por diante de “Terra” só se atopan éxitos internacionais como a Bizarrap Session do rapeiro Morad. En Spotify xa acadaron as 100.000 reproducións.

As favoritas dos Eurofans, segundo a macrosondaxe ‘A elección interna’ de RTVE, amosaron o seu compromiso pola lingua neste tema onde mesturan a música tradicional galega con sons electrónicos e máis modernos.

No chío no que publicitaron a súa canción vése a súa conciencia polas linguas que se falan en todo o Estado español. O lema da canción ‘Non hai fronteiras’ foi escrito tamén en catalán, euskera, asturianu e castelán neste chío que acada xa máis de 3000 retweets. O apoio ás galegas foi incondicional.

A última semana de xaneiro, a gran semana

Aida Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro xa coñecen cando será o Benidorm Fest, o festival no que actuarán todos os participantes e do que sairá o gañador ou gañadoras. O 26 e 27 de xaneiro serán as semifinais que darán paso á final do sábado 29 de xaneiro. 

O concurso terá un xurado profesional formado por un expertos a nivel nacional (60%) e internacional (40%) e un xurado popular formado pola audiencia (50% por televoto e 50% cun xurado demoscópico). Ademais a gala será presentada pola comunicadora Inés Hernand, o escritor Máximo Huerta e a cantante Alaska.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará