Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Tentando fomentar o uso da lingua galega nas familias

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu  á inauguración dos XXIII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Xunta de Galicia. Baixo o título’ Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega‘, o evento, que se prolongará ata o final da tarde e que se pode seguir en directo no Portal da Lingua Galega, reúne información, reflexións, experiencias e propostas para que a transmisión do galego non decaia nas xeracións máis novas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que a transmisión interxeracional “é o reto máis importante en materia de lingua que debemos afrontar hoxe”. Neste senso, incidiu en que “todas as reflexións, esforzos e accións que se fagan nesta liña son importantes e que tanto o Goberno como a cidadanía deben remar no mesmo sentido para conseguir resultados satisfactorios”.

Canda o secretario xeral participaron na inauguración desta xornada, que acolleu o Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Xusto A. Rodríguez, director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

Crianza, escola e lecer en galego

Os Encontros para a Normalización Lingüística buscan ser un foro anual de debate e intercambio de información a raíz dos cales atopar solucións para as diferentes situacións que atravesa a lingua propia. Nesta XXIII edición, centrada na transmisión do idioma aos máis cativos, búscase recadar un conxunto de solucións da man de expertos en diferentes ámbitos da vida dos rapaces e rapazas a través de varias sesións organizadas en catro bloques temáticos: A transmisións interxeracional da lingua galega: marco conceptual e contexto social; Crianza en galego…crianza natural; Escola en galego… escola aberta e Lecer en galego? Espazo de transmisión?.

Valentín García detacou que a Xunta porá en marcha unha nova campaña para o fomento do emprego do galego nas familias, especialmente das que habitan en contornos urbanos e periurbanos”. Esta medida, na que se comezará a traballar de cara ao vindeiro 2022, únese ao xa vixente Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 e ao programa de dinamización da lingua galega FalaRedes, que xa vai pola súa X edición, e que centra a meirande parte da súa programación anual nos máis pequenos e pequenas da casa.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.