Queres axudar a crear o bosque da lingua, da arte e da poesía?

Unha área boscosa de 40.000 metros cadrados como espazo cultural. Ese é o proxecto que veñen de presentar dende a Comunidade de Montes de Man Común de Couso en vinculación cooperativa coa Asociación Verdeval e para a que buscan fondos. O obxectivo destas dúas agrupacións pasa por trocar esta zona verde situada na zona das Rasas,dentro da Parroquia de Couso, en Gondomar nun punto de encontro para desenvolver xornadas literarias e artísticas. 

O obxectivo, tal e como recolle o Xornal de Vigo, pasa por conformar un enclave para gozar de propostas lúdicas “en equilibrio coa natureza” que tamén pretende fomentar a cultura medioambiental, “aberta ás persoas e a humanidade”, co fin de preservar a conservación da natureza, de difundir e vivenciar o patrimonio cultural galego a través da súa lingua.

De aí que as xornadas que se pretendan acoller vaian dende a presentación de libros a recitais poéticos, concertos, campamentos e “cine ambiental”. O proxecto debúxase como un espazo aberto a institucións e centros educativos pero que precisa de “importantes recursos humanos, materiais ou económicos” para chegar a porto.

“Preténdese dar unha especial vida ao Parque de xogos pensado para as novas xeracións, onde se contemplan elementos tan singulares ou especiais como: a asemblea de tocóns , bancos de madeira, mesas cubiles, conxuntos de troncos, cociña-laboratorio, mesas de experimentación, hotel de bichos, casiña, mámoa túnel, camiño de troncos, casiña triangular, asemblea de troncos, metelófono, pasarela…”, destacan dende as asociacións impulsoras do proxecto.

Estas estiman en 21.655,00 € o orzamento necesario para poñer en marcha o proxecto: uns fondos para os que veñen de poñer en marcha un crowfunding participativo aberto á sociedade que contén un abano amplio de modalidades de achegas personais que van desde os 10€ ata os 300. Cada modalidade, destacan os impulsores, inclúe un paquete de servizos ou dereitos, dende os 10€ que garanten a entrada a un concerto de música tradicional e unha mención no bosque da língua aos 300 que mesmo achegan botes de mermelada e outras lembranzas no parque. Todas as posibilidades poden ser consultadas na web da campaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará