Queres aprender química dun xeito divertido, ameno e con experimentos?

O grupo CienciaNOSA da USC lanza en galego un curso aberto de química en liña cun enfoque experimental e baseado en prácticas de laboratorio. O programa ‘Química, unha ciencia experimental’ constitúe unha nova ferramenta educativa en liña froito da I Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en MOOC da USC. Trátase dun programa formativo estruturado en seis temas, que inclúen material audiovisual accesible en aberto e de xeito autónomo en remoto na web funil.gal.  As persoas que se rexistren antes do 20 de decembro poderán completar esta formación de xeito gratuíto ao longo dos meses de xaneiro e febreiro e obter o corresponde recoñecemento do aproveitamento desta actividade.

O grupo de investigación CienciaNosa da USC, que coordina o profesor na Facultade de Ciencias Marcelino Maneiro Maneiro, contou co apoio do Campus Terra para a elaboración do material audiovisual que conforma esta innovadora proposta educativa que vén de presentarse con éxito con XXXIV Congreso de Ensinantes de Ciencias de Galicia. As 24 pezas audiovisuais que integran o curso ‘Química, unha ciencia experimental’ foron gravadas nos distintos laboratorios da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo.

Cada un dos temas que presenta este primeiro MOOC de Química en galego achega ao alumnado un resumo cos principais conceptos de cada módulo, ademais dunha serie de recursos audiovisuais que inclúen experimentos de laboratorio e un cuestionario para que cada estudantes comprobe o seu progreso en cada un dos temas, que están accesibles en aberto e de xeito remoto en http://funil.gal/mooc-curso-aberto.html.

Este novo curso aberto supón un material didáctico valioso tanto para alumnado de Bacharelato como de primeiro curso de carreira nos graos experimentais, sinala o profesor Marcelino Maneiro, quen engade que esta nova iniciativa dá continuidade a achega de novas ferramentas didácticas ofertadas polo grupo CienciaNOSA da USC, que xa conta con diversos vídeos de prácticas de química accesibles na canle de YouTube ‘Proxecto funil’, un repositorio de material audiovisual que xa contabiliza unhas 320.000 visualizacións.

Maneiro salientou asemade que o enfoque experimental do MOOC ‘Química, unha ciencia experimental’, no que os diferentes conceptos químicos de estequiometría, equilibrio, ácido/base, redox, etc., introdúcense de xeito visual co cambio químico que provocan (a cor, o fume, a formación dun precipitado ou a súa desaparición…), faino especialmente atractivo para os potenciais destinatarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará