Que teñen que ver os castros na orixe do topónimo “Triacastela”?

“O topónimo que lle dá nome ao concello de Triacastela e unha das súas parroquias procede do latín TRIA CASTELLA, que significa ‘tres castelos’. TRIA é o plural neutro do numeral tres e CASTELLA é o plural neutro de CASTELLUM < CASTRUM ‘castro’. Polo tanto, fai referencia á existencia de ‘tres castriños’ neste territorio”. En canto á orixe, é posiblemente altomedieval, xa que se rexistra por primeira vez nun documento do mosteiro de Samos do ano 922.

Triacastela foi a primeira parada da programación deste outono da campaña ‘Toponimízate. Falásmoche dos nomes da túa terra’. O coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo impartiu sobre o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada e a orixe e o significado dos topónimos deste municipio lugués, cuxo nome fai referencia á existencia de tres pequenos castros no territorio.

O público asistente á charla puido coñecer tamén o significado dos topónimos das outras sete parroquias de Triacastela e de distintos lugares, algúns deles de orixe prerromana. É o caso de San Breixo da Balsa. Balsa é unha voz prerromana co significado de depresión ou oco no terreo que se enche de auga, se ben a parroquia en cuestión debeu de fundarse a finais do século X, pois no ano 1002 foi doada a Samos polos fundadores, que trouxeran as reliquias de San Breixo para unha pequena explotación agrícola (villae en latín) chamada Baldomar situada neste territorio.

A parroquia de Lamas do Biduedo ten tamén orixe perromana no primeiro elemento do seu nome, o substantivo lama, moi presente na toponimia de Galicia; mentres que o segundo, procedente do latín BETULLETU, é un exemplo dos tamén abondosos fitotopónimos, aqueles nomes de lugares que derivan de vexetais, e que adoitan indicar a presenza no lugar das plantas que mencionan ou a súa explotación humana.

Moitos outros topónimos de Triacastela, coma no resto de Galicia, teñen orixe latina, pero na toponimia galega tamén se atopan pegadas árabes, coma o nome da parroquia de Santalla de Alfoz. O seu segundo elemento, alfoz, é un termo común de orixe árabe definido no dicionario da RAG como territorio que depende dunha cidade ou dun castelo.

En canto á parroquia de Toldaos, todos os toponimistas interpretan este nome como un xentilicio derivado do latín TOLETANUS, que designa a xente procedente de Toledo. Sendo así, é ben probable que o primeiro asentamento nesta parroquia fose construído por unha ou varias familias procendentes desta localidade manchega, apunta Vicente Feijoo.

Unha aplicación para conservar un patrimonio único

O percorrido pola orixe e o significado dos nomes de Triacastela co que Vicente Feijoo pechou a primeira charla deste outono conta coa colaboración do académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da RAG. Antes, ofreceu unha aproximación á riqueza toponímica de Galicia e explicou o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir na plataforma os microtopónimos que coñeza, nomes tradicionais de veigas, chousas, leiras, devesas, fontes ou penedos que constitúen un patrimonio inmaterial único.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará