Outorgados os Premios á calidade lingüística na modalidade de traballos académicos

O xurado dos Premios á calidade lingüística da USC acaba de facer público o seu ditame na modalidade de traballos académicos. Esta convocatoria busca fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Na primeira das modalidades de que constan estes Premios, a dos traballos académicos de grao, concorreron dezaseis propostas, todas cunha clara demostración de habilidades comunicativas e competencia lingüística en galego.

Na Área de Arte e Humanidades, resultou premiada María Abella Otero, de 4º curso do grao en Historia, polo traballo Interpretacións sobre a arte paleolítica: a teoría xamánica; en Ciencias, o premio foi outorgado ex-aequo para Paula Cambeses Franco, de 5º curso do dobre grao en Matemáticas e Física por Prácticas externas no CESGA e a Carlos García Meixide, de 5º curso do grao en Física, por Nas fragas da Astrofísica; en Ciencias da Saúde, resultou premiado Historia clínica psiquiátrica, de Ronsel Noemí Fernández Suárez, de 6º curso do Grao en Medicina; e, finalmente, na de Ciencias Sociais e Xurídicas, en ex-aequo, Traballamos cun texto infantil/xuvenil Os meus beizos nos teus beizos, A Estrada da vida, que asinan N. Luna Puente, Ó. Lozano Lozano e A. Muñiz Pérez, de 4º curso do grao en Mestre en Educación Primaria, e o traballo titulado A agresión sexual no anteproxecto de lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual, de Andrés Vázquez García, de 2º curso do grao en Dereito.

O xurado acordou ademais outorgar unha mención ao traballo Variación lingüística do galego en 6 persoas do Carballiño, Cea e Maside de Laura Paz Fentanes, de 2º curso do grao en Lingua e Literatura Galegas, da Área de Humanidades.

Os galardóns, cunha dotación en metálico de 150 euros e diploma acreditativo para cada un dos traballos, serán entregados nun acto académico oficial a principios do vindeiro ano, no cal tamén se fará entrega dos premios á calidade nas outras dúas modalidades, TFM e TFG/PFC, cuxo prazo de presentación acaba de rematar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará