Os libros en castelán seguen gañándolle a carreira aos libros en galego

O Instituto Nacional de Estatística facía público este 20 de decembro os datos da súa Estatística da Produción Editorial de Libros sobre o ano 2019. Nos mesmos verifica un incremento xeral na publicación de libros, que no caso da industria galega supuxo 2.213 títulos, un 10,8% máis do que no ano anterior.

Desta produción, o 40,4% estaba na nosa lingua, é dicir 894 obras, tal e como recolle o portal Cultura Galega. A porcentaxe supón un descenso da publicación de libros en galego feitos en Galicia fronte a 2018, cando esta supuxo o 45% da produción das editoras do noso país e un total de 909 libros. O outro 47,4% do total publicado viu a luz en castelán, que continúa como idioma dominante da edición radicada en Galicia.

A contar con traballos lanzados noutras comunidades, o total de libros en galego editados en 2019 foi de 1.048, o que supón tamén un descenso fronte aos 1.144 que saíron no conxunto do Estado no ano anterior. Deste xeito, o sector editorial galego concentrou o 85,2% de todas as publicacións na nosa lingua no Estado para o período analizado. Informe do INE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará