O Instituto da Lingua Galega da USC conmemora o seu 50 aniversario

A vixésima primeira edición do Simposio anual do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) estará centrada na conmemoración do quincuaxésimo aniversario deste instituto. Ademais de facer balance do labor realizado nestes primeiros 50 anos e reflexionar sobre os retos futuros, o programa deseñado homenaxeará a Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González, investigadores do ILG dende os seus primeiros anos de existencia e que actualmente manteñen unha actividade plena.

Entre os días 18 e 21 na Facultade de Filoloxía, nas catro xornadas do ILG intervirán, ademais das tres persoas homenaxeadas, diversos colaboradores do instituto procedentes de universidades de Galicia, Portugal, Brasil e Suíza, así como outros tres investigadores novos da institución. A inicial reflexión sobre o labor realizado por este instituto de investigación nos seus 50 anos de vida irá seguida de relatorios que versarán sobre diversos temas de lingüística e filoloxía galegas nos que se traballa actualmente e que se seguirán desenvolvendo nos próximos anos (o galego nas tecnoloxías da información e a comunicación, tradicións discursivas, lexicografía, toponimia, sociolingüística, prosa medieval), sobre aspectos de historia da Galicia moderna, sobre o portugués de Angola e Mozambique e sobre a paleografía no Brasil.

Con posterioridade á celebración do simposio, o venres 22 pola tarde na propia Facultade de Filoloxía está prevista unha sesión conmemorativa do quincuaxésimo aniversario do ILG, nos que a palabra dos intervenientes se acompañará de dúas actuacións musicais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará