O ILG conmemora os seus 50 anos de historia a prol do “prestixio do idioma”

O 50 aniversario do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC centra dende este luns a vixésima primeira edición do seu simposio anual. “O ILG naceu no ano 1971, durante o franquismo, e desenvolveu un papel protagonista na estandarización do galego. A súa relevancia era maior que a dun centro de investigación, tratábase dunha auténtica autoridade a nivel lingüístico”, explicou o seu director Xosé Luís Regueira Fernández. O Simposio deste ano ten carácter conmemorativo antes que temático e a el súmase a vontade do ILG de homenaxear a tres persoas que comezaron a súa andaina investigadora na institución nesa década fundacional e que continúan plenamente activos na actualidade, como é o caso de Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González.

O criterio dunha liña temática concreta substituíuse desta vez pola homenaxe na que tomarán parte unha representación do persoal investigador novo do ILG, investigadores destacados das tres universidades galegas, así como estranxeiros/as de longa traxectoria de colaboración co ILG. “Esforzámonos en difundir nos países da nosa contorna o que se facía aquí pero tamén queremos ir máis alá, situar os estudos sobre lingüística a nivel internacional”, continúa o profesor Regueira Fernández. “As novas tecnoloxías conforman outro dos nosos horizontes de futuro. Hai que construír ferramentas non só para o persoal investigador, senón tamén para a sociedade en xeral como é o caso dos asistentes de fala ou dos tradutores, entre outros, que teñen unha gran incidencia no prestixio do idioma”, engade.

Programa

O simposio celébrase do 18 ao 21 de outubro na Facultade de Filoloxía da USC. Nas súas catro xornadas intervirán, ademais das tres persoas homenaxeadas, diversos colaboradores do ILG de universidades de Galicia, Portugal, Brasil e Suíza e tres investigadores novos da institución. A inicial reflexión sobre o labor realizado por este instituto de investigación nos seus 50 anos de vida irá seguida de relatorios que versarán sobre diversos temas de lingüística e filoloxía galegas nos que se traballa actualmente e se vai seguir traballando nos próximos anos como é o caso do galego nas tecnoloxías da información e a comunicación, tradicións discursivas, lexicografía, toponimia, sociolingüística ou prosa medieval. Tamén se tratarán aspectos de historia da Galicia moderna, sobre o portugués de Angola e Mozambique e sobre a paleografía no Brasil.

Concluída a reunión científica, a partir das 17.00 horas do venres 22 de outubro, celebraranse na Facultade de Filoloxía compostelá os actos conmemorativos do quincuaxésimo aniversario do Instituto da Lingua Galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará