“Nacionalistas españois entenden como unha rendición que un madrileño fale en galego”

Lo arrastraría con una cuadriga hasta que se le vieran los huesos”. Esa foi a mensaxe que lle mandaron en Facebook ao historiador Antonio Maestre hai uns días por dicir unhas frases en galego nunhas xornadas sobre memoria histórica ás que foi convidado pola Deputación de Pontevedra. “Non é fácil sorprender co odio a alguén como eu, afeito recibir mostras diarias por parte dos fascistas, pero esa virulencia ante un acto tan inocente como pronunciar unhas frases de concordia e agradecemento nun idioma oficial de España deixoume atónito”, comentou Maestre nun artigo en El Diario.

Lembra que quería comezar o seu discurso sobre Franquismo S.A en galego e pediulle a unha amiga que lle ensinara unhas breves frases. “Boa tarde. Moitas grazas por convidarme a estar hoxe aquí en Pontevedra. Gustaríame saber falar galego para dirixirme a vostedes na lingua de Castelao mais lamentablemente non teño ese coñecemento. Ogallá algún día poder remedialo. Así que prego desculpas por ter que falar en castelán“, foron as curtas frase aprendidas nun discurso que logo continuou en castelán.

Pero, como o mesmo historiador recoñece algúns “nacionalistas españois entenden como unha rendición que un madrileño pida desculpas por falar nun idioma diferente ao do lugar ao que se acode, ven como unha afronta comezar unha charla en galego e continuala na lingua materna”.  Entendo perfectamente o galego, aínda sen saber falalo, pero aínda así todas as persoas que se dirixían a min e ás que se lles escapaba a súa lingua materna desculpábanse comigo e pasábanse ao castelán”, lembra ao suliñar que isto é unha mostra de fraternidade.

“Antes da pandemia fun á Coruña a presentar o libro e un nacionalista galego regaloume Sempre en Galiza, de Castelao. A súa idea era que tentase coñecer máis os nacionalismos como o seu para que non fóra tan crítico. Sempre o fun e seguirei séndoo cando vexa actitudes que non me gustan, porque non son nacionalista, pero media un abismo entre a actitude respectuosa e dialogante coa que me reciben aqueles galegos, vascos e cataláns aos que critiquei coa rabia, a ira e o odio que mostran os que queren impor a súa lingua ao resto. Oxalá falar galego, asturiano, eúscaro e catalán. Porque non se é un español completo sen amar as linguas da túa terra”, apunta ao tempo que critica aos “nacionalistas españois” que queren arrastrar aos que falan outras linguas diferentes ao idioma castelán. Vía El Diario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará