Na procura dunha comunidade techLING internacional

250 persoas de países como Xapón, Australia, Brasil ou China participarán do 15 ao 17 de decembro na VI edición do Congreso internacional de lingua, lingüística e tecnoloxía, techLING2021, unha ventá ás principais novidades do momento en materia de tecnoloxías e ensinanza de linguas. Organizado polos profesores José Yuste, Óscar Ferreiro e Emmanuel Bourgoin, do Grupo de investigación Tradución & Paratradución da Facultade de Filoloxía e Tradución, a cita celebrase integramente en liña e acollerá a presentación de máis dun cento de relatorios dedicados a analizar as sinerxías entre, por un lado as linguas e, polo outro, tanto o seu coñecemento científico –a lingüística- como, sobre todo, as novas tecnoloxías dixitais, con especial incidencia no impacto que estas teñen en tres eidos: o exercicio profesional da tradución e a interpretación, a ensinanza de idiomas e o tratamento automático das linguas.

“Esta VI edición do congreso será a máis numerosa de todas as que xa se celebraron e estamos moi satisfeitos coa boa recepción do evento por parte da comunidade científica”, explica o profesor Óscar Ferreiro, ao que o seu compañeiro Emmanuel Bourgoin engade que a meirande parte das persoas inscritas son persoal docente e investigador de universidades, mais tamén mozas e mozos que están en fase de predoutoramento e que se animaron a presentar neste evento o avance das súas investigacións. Ademais, cóntase tamén con ampla presenza de profesorado de secundaria e de Escola de Idiomas, tanto da comunidade galega coma de fóra dela, así como profesionais do ensino de francés da rede mundial das Alianzas Francesas.

Unha cita multilingüe con cinco idiomas oficiais

Cun comité científico formado por máis de 85 persoas de procedencias moi diversas (Líbano, Exipto, Marrocos, Suíza, Francia e Brasil, entre moitos outros), o multilingüismo do congreso é a xuízo do profesor José Yuste o máis destacable do programa. “Non hai máis que botar unha ollada ao libro de resumos para comprobar a boa saúde das cinco linguas do congreso –español, galego, portugués, francés e inglés- á hora de analizar, expor, criticar, reflexionar e dar exemplos prácticos das diferentes aplicacións da tecnoloxía dixital en tradución e interpretación, na ensinanza de linguas e no tratamento automático das mesmas”, apunta o docente.  E como unha imaxe vale máis ca mil palabras, na páxina de inicio da web do congreso pode observarse un mapa mundi interactivo de maneira que se pode traducir visualmente ese multilingüismo, situando no mapa as bionotas de cada poñente coa súa fotografía correspondente.

“Do programa podemos destacar unha morea de cousas, mais se callar unha delas son as seis conferencias plenarias organizadas para os tres días que dura o evento”, explica Óscar Ferreiro, ao que engade que o primeiro día se contará coa conferencia titulada Sentido y sensibilidad de las tecnologías en traducción y su formación, impartida por Jesús Torres del Rey, da Universidad de Salamanca, así como co relatorio El impacto de la (r)evolución digital en el ámbito de la interpretación de lenguas, a cargo da profesora da Universidade de Córdoba Aurora Ruiz.

Xermolo para o nacemento dunha “comunidade techLING”

O encargo de organizar o congreso chegoulle ao grupo de Tradución e Paratradución da man do Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho, con quen levan anos de excelentes relacións de colaboración. Aceptaron o reto “con moito gusto, ofrecendo en todo momento o noso particular selo persoal”, salienta Yuste, ao que engade que a programación do evento lles coincidiu coa redacción da memoria que presentaron cando solicitaron a Mención de Excelencia á Xunta de Galicia para o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional, mención que lle foi concedida o pasado 13 de agosto.

“Para nós supón unha oportunidade de demostrar que sabemos traballar en equipo coordinando ben todas as ideas e a súa realización. Cousa non doada, pero as boas vontades e o sacrificio parece que están a dar bos resultados, pois vense confirmados polo número de relatorios presentados”, destaca Ferreiro, ao que engade que levar estes acontecementos a un nivel máis alto sempre é un reto, aínda máis despois de terse celebrado xa cinco edicións.  “Se esta edición dá lugar ao nacemento dunha comunidade investigadora «techLING » a nivel mundial, iso suporía, para nosoutros, ter ido alén do reto”, engade Ferreiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará