Morre un dos grandes creadores da literatura en galego

A perda do académico e polifacético autor Darío Xohán Cabana conmocionou á sociedade galega e as redes sociais enchéronse de voces da política, a cultura e o movemento asociativo para dedicar unhas palabras de recordo e homenaxe á que foi unha das principais figuras da literatura galega contemporánea.

A Real Academia Galega expresou o seu “profundo pesar” por “unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas”, mentres que o Consello da Cultura Galega destacou o seu papel e o seu compromiso co idioma, a identidade e a cultura. O presidente da RAG, Víctor Freixanes, lembrou ao autor como un clásico vivo” e que aqueles que aman a literatura, a poesía e a lingua “saben da transcendencia e da forza que tiña a súa palabra, da súa capacidade de comunicación e de evocación”.

Freixanes, que foi editor de obras súas como ‘Galván en Saor’ ou ‘Cabalgada na néboa’, reivindicou o seu “dominio da palabra e a súa capacidade para transmitir emoción” a través do idioma e do verso. “É unha perda moi grande para todos nós”, resolveu.

A cineasta Margarita Ledo, secretaria da Academia e compañeira de xeración de Darío Xohán Cabana, destacou ao escritor como “irmán”. “É alguén que a min me influíu en moitos aspectos e tamén ao lelo”, sinalou, sobre quen considerou “un poeta da esperanza. “Como narrador facía sempre que se desvanecesen as liñas dabondo. Déixanos ese legado de amor pola palabra e de traballo interno e detalle”, trasladou.

FIGURA “FUNDAMENTAL”

Desde o panorama político e institucional, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou a perda de “unha figura fundamental” nas Letras galegas e que “contribuíu ao enriquecemento” do idioma tanto como autor como tradutor de importantes obras doutras latitudes.

A ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, situou ao escritor como a voz “que encarna unha nación”, para fraseando un fragmento de ‘O Caldeiro’. “As xentes van e veñen e un conta unha cousa e outro outra, e eu vou enfiando. Pero ti fala o teu xeito, pois gusto de ouvirche. Algo dirás que eu non saiba, ou non saiba desa maneira”.

O BNG trasladou o seu pesar pola perda do escritor, do mesmo xeito que diferentes voces dos socialistas galegos, como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ou o delegado do Goberno, José Miñones. “Unha voz única da literatura galega contemporánea”, sinalaba en Twitter.

Entidades como A Mesa pola Normalización lingüística, a Asociación de Escritores en Lingua Galega ou a Asociación Galega de Editoras tamén se sumaron ao recordo do autor ‘chairego’, entre decenas de condolencias a título individual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará