Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Esta é a medicina para curar os prexuízos contra do galego

A boa medicina’ é unha campaña de dinamización da Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC destinada a limar os prexuízos lingüísticos do alumnado, especialmente o de primeiro curso e o que chega dende fóra de Galicia. O vestíbulo da Facultade acolleu este xoves a presentación da campaña a través dun acto no que tomou parte o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, e que serviu para dar a coñecer as actividades que se levarán a cabo nos meses de outubro, novembro e decembro. Alén do vicerreitor, interviñeron Isabel Vaquero, responsable da Área de Dinamización do Servizo de Normalización Lingüística (SNL); o vicedecano José Martín Carreira Villamor; a secretaria da Facultade Mª Pilar Fernández Rodríguez; e o estudante e membro da CNL, Xurxo Gerpe Vilas.

Se xa a presenza do galego na docencia do Grao en Medicina é anecdótica —un 2,36% do total de horas de clase no curso 20-21—, entre o alumnado que —malia a presenza de alumnado de fóra— é maioritariamente galego “retráese por mor da converxencia lingüística típica galega”, advirten dende a CNL. “O alumnado galego adoita carrexar os seus propios prexuízos lingüísticos, e o contacto con compañeiros e compañeiras de fóra de Galicia ás veces contribúe a consolidalos e aumentalos, e a que recorten o uso do galego”, explican dende a organización da campaña. “Ademais, aquelas alumnas e alumnos que usan o galego con normalidade, na única facultade de medicina do mundo en que teñen dereito a usalo, vense ás veces en situacións incómodas”, engaden.

Para paliar esta situación, a campaña persegue contribuír a racionalizar os posibles prexuízos contra a lingua e a cultura galega; sensibilizar o alumnado en relación aos seus compañeiros e compañeiras galegofalantes; favorecer o mantemento lingüístico do alumnado galegofalante; promover o respecto lingüístico e dar a coñecer os dereitos lingüísticos na USC.

‘A boa medicina’  conforma unha campaña propagandística de sensibilización. Consta de roll-ups, imaxes para as redes sociais, folleto de sensibilización e con información sobre os dereitos lingüísticos na USC, así como cunha actividade participativa con materiais de agasallo. A campaña xira arredor de frases ligadas coa estratexia de relacionar o respecto lingüístico e o coñecemento e uso das linguas coa profesionalidade no exercicio da medicina. O material creado pode consultarse na web da campaña.

A mellora da información sobre os usos lingüísticos do grao así como nutrir o alumando con recursos e estímulos para estudar en galego é outro dos horizontes a acadar. Neste senso, a propia web ou un obradoiro de xestión das linguas nas aulas dirixido á formación sociolingüística dos principais axentes da Facultade serán algunhas das ferramentas empregadas xunto a un curso de lingua galega (nivel A) para non galegofalantes que correrá a cargo do Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC. Un programa de voluntariado lingüístico para aprender e ensinar galego por parellas, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, completa o programa de actuacións.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.