Es neofalante?…. estes son os espazos onde recuperar o galego en vilas e cidades

Dúas iniciativas, Faladoiros en Vigo e un grupo de falantes a través das RRSS en Ferrol están animando ao uso do galego nestas dúas cidades. Fano a través das novas tecnoloxías. A estes proxectos asisten tamén persoas de fóra de Galicia e mesmo de fóra do Estado.

Faladoiros naceu como unha maneira de fomentar a aprendizaxe do galego entre persoas que non o falaban e tamén para mellorar a fluidez de galegofalantes que usaban moitos castelanismos. Irene Romeiro e Jessica Iglesias forman parte do grupo de xentes detrás dos Faladoiros vigueses. Pola súa banda, Marta Salutregui creou un grupo pequeno a través das redes sociais para vídeoconversas en galego en Ferrol. A cuestión é que ambas as dúas iniciativas comezaron e seguen en lugares onde a substitución do galego polo castelán é un feito practicamente desde hai máis dun século.

NEOFALANTES, DIGLOSIA E SUBSTITUCIÓN

“Comezamos aquí en Vigo cun grupo de persoas que querían expresarse en galego e entre esa xente había neofalantes, galegofalantes e xente que non o falaba, mais a cuestión era botar a andar unha iniciativa como esta na cidade” di Irene Romeiro, unha das persoas que comezou cos Faladoiros. Unha das persoas que tamén participa é Jessica Iglesias quen apunta a dificultade da que partía un proxecto como este. “En Vigo a substitución polo castelán e a diglosia están moi avanzadas” di Iglesias. “Aquí hai galegofalantes, mais a transmisión familiar xa se ten cortado desde hai máis de dúas xeracións”.

Nun principio os Faladoiros eran reunións que se realizaban en locais. Chegada a COVID, pasouse ao uso das redes sociais. Este mesmo sistema é o que Marta Salutregui usa en Ferrol para “crear un grupo reducido para comezar a falar entre nós en galego”. Marta xa o intentara antes mais non chegara a reunir suficientes interlocutores. A cuestión é que agora a idea vai collendo forma, con todo, quere que a idea se espalle para crear grupos de pouca xente que vaia tecendo unha rede de falantes a través das novas tecnoloxías.

“No meu barrio hai moi pouca xente que fale en galego, mesmo hai familias que cortaron coa lingua hai dúas, tres ou máis xeracións” di Marta. En concreto, o barrio de Caranza en Ferrol, onde vive é un lugar onde “hai unha gran diglosia”. Mesmo nisto puido influír o feito da chegada de persoas de fóra de Galicia para traballar nos estaleiros ou na Mariña.

“A diglosia acúsase nas grandes cidades, aínda que agora mesmo as vilas tamén están en proceso de diglosia e tamén entornos moi urbanizados” di Jessica. “A ruptura de transmisión do galego xa leva xeracións en Vigo” indica Irene. Por iso entre as persoas que se achegan a estes encontros hai xente que procede de diversos ámbitos sociais “mesmo temos xente de América Latina e África”.

A idade tampouco importa porque “vén xente de entre os 20 aos 60 anos” e a intención a día de hoxe é manter activos os Faladoiros. Para iso crearon a versión online “que tivo máis éxito que a presencial”, aínda que esta última tamén atraera un número importante de persoas.  “Eu como moito quería un número limitado a tres ou catro persoas” di Marta. “Tiña medo que se masificasen e traballar con grupos grandes pode acabar por ser complicado”.

FALTA DE MEDIOS

“Ser neofalante fai que esteas explicando por que cambiaches ao galego e iso resulta ás veces incómodo” sinala Marta, quen, coma moitos, tamén ten visto como a mesma administración galega non se molesta en respostar ou fomentar a lingua. “Tamén cando daba aulas a rapaces que me coñecían como se sorprendían do cambio”.

O traballo que fai Marta podería ter apoios da mesma administración aínda que “non me interesa insititucionalizar esta iniciativa”. Sabe que “a Xunta ten medios para crear iniciativas semellantes, mais a min non me interesa”. Non obstante, o seu ánimo fai que estea interesada en recoller canto coñecemento sexa posible. “Coñezo un profesor en Glasgow que está facendo un traballo sobre a influencia da COVID na transmisión do galego”.

“Realmente estamos a facer un traballo que deberan estar realizando outras institucións” di Irene Romeiro. “Queríamos levar adiante máis iniciativas, máis proxectos o problema é que non temos medios abondo” sinala Jéssica Iglesias. “Miraremos de ampliar horarios, desdobrar grupos para que non se masifiquen”. “Temos traballo, certo e tamén é certo que nos gustaría expandir o proxecto” remata Irene.

Ambas as dúas experiencias carecen dos medios abondos para materializar novas ideas. Alén, o incuestionable é o feito de quereren recuperar o galego en áreas cada vez máis desgaleguizadas ou xa desgaleguizadas. A realidade é que agora mesmo, xunto a estes dous proxectos existen outros en Galicia que buscan as mesmas metas con respecto ao idioma. E aínda así, as autoridades con competencia na materia non están a axudar moito, aseguran.

Reportaxe de Moncho Mariño en Galicia Confidencial

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará