Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Dous libros en galego, na prestixiosa lista da Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic

A prestixiosa lista anual cunha selección mundial de literatura infantil e xuvenil The White Ravens, promovida pola Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic ven de presentar a súa actualización e son dous os libros en galego que aparecen nela entre os 200 que sinala, en 38 linguas e procedentes de 54 países. O libro “Ninguén coma min”, de Ignacio Chao e Eva Sánchez, publicado por KALANDRAKA na colección Maremar, é un deles e “Santoamaro”, de Antonio M. Fraga, publicado por edicións Xerais de Galicia na colección Fóra de Xogo é o outro. O catálogo The White Ravens 2021 estará dispoñible no posto da Biblioteca Internacional da Xuventude na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, do 20 ao 24 de outubro e tamén pode descargarse na rede.

“Ninguén coma min” é un libro infantil que xa ven precedido de senllas mencións no XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e nos Premios Os Mellores Libros para Nenos e Mozos 2021 do Banco do Libro de Venezuela. O comité de expertos que elabora The White Ravens destacou o carácter “inusual e desconcertante” desta obra, mentres que do seu protagonista resaltan “a súa ignorancia e narcisismo infalible lembran a certos gobernantes notorios dos nosos días”, comparándoa co “despótico Napoleón” da novela de George Orwell “A granxa dos animais”.

Sobre a novela xuvenil “Santoamaro” a lista sinala que “nos breves e incisivos capítulos” da obra, Antonio M. Fraga “presenta personaxes críbeis e captura acertadamente o seu ton e rexistro emocional. Nada está adozado, nada resulta innecesariamente explicado ou comentado por unha voz narrativa”, din os expertos tras unha breve sinopse, ao tempo que destaca o usa da linguaxe da mensaxeiría instantánea ao principio de cada capítulo para amplificar a súa característica de “breve e directo”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.