CTNL: 25 anos de traballo a prol da lingua

Xa son 25 anos de traballo a prol da lingua. E, por mor da celebración destecuarto de século traballando o labor técnico da normalización lingüística, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza unha serie de conversas informais online nas que analizarán o acontecido nestes 25 anos. As cinco conversas, tal e como explican dende a asociación, estrearanse na canle de YouTube da CTNL ás 21.00 h entre os días 15 e 19 de decembro. Este mércores estrearase a primeira, aínda que xa adiantaron unha pequena pílula:
Nesas cinco conversas, que serán conducidas pola xornalista e escritora Rosa Aneiros, diversas persoas que pasaron pola directiva e con diferentes perfís profesionais e antigüidade na asociación analizarán varios aspectos do percorrido da entidade. Segundo expoñen dende a asociación, os obxectivos destas pezas son: difundir e pór en valor o labor da CTN, facer unha panorámica das chaves sociolingüísticas que caracterizaron estes 25 anos e reflexionar sobre o futuro da normalización lingüística como proceso social e como ámbito de traballo.
Na primeira conversa, que se estreará hoxe ás 21:00, analizarán as orixes e os primeiros anos da CNTL. Nela participarán Soco García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela, fundadora e primeira presidenta; Marta Souto González, técnica de normalización lingüística do Concello de Vigo e socia fundadora, e Daniel Romero Rodríguez, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística do Concello de Fene.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará