Cinegal, un ciclo de cinema en galego

Arima, de Jaione Camborda; Ons, de Alfonso Zarauza; Arraianos, de Eloy Enciso, e A illa das mentiras, de Paula Cons, son as películas que se emitirán, nesta orde, os vindeiros venres 19 e 26 de novembro e 3 e 10 de decembro no Centro Sociocultural de Santa Marta a partir das 20,00 horas dentro de “Cinegal”, un ciclo de cinema en galego impulsado pola empresa Froq Eventos ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.

Durante a presentación, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inistiu na necesidade de apoiar, “como se fai con esta iniciativa, as creadoras e creadores que apostan pola nosa fala, porque sen eles a cultura e o lecer en galego non estarían ao alcance de todos”. Canda o representante de Cultura, Educación e Universidade, tamén interviñeron no acto, que tivo lugar no Pazo de San Roque, Daniel Vázquez, de Froq Eventos; o director de cine Alfonso Zarauza e a actriz Rocío González Lorenzo.

Catro filmes

Durante o próximo mes o Centro Sociocultural de Santa Marta será, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, unha sala de cinema en galego. Cada venres a partir das 20,00 horas, o local santiagués proxectará de balde unha película en lingua galega, todas elas encomiadas pola crítica internacional. Ademais, cada proxección virá precedida dunha introdución, a primeira a cargo de Melania Cruz, participante en Arima e Ons, e as tres seguintes de Rocío González. Para asistir non será preciso facer unha reserva previa.

O primeiro filme que se emitirá será Arima, a ópera prima da directora vasca Jaione Camborda. Un traballo autoproducido que viu a luz en 2019 e que lle valeu a Camborda 15 candidaturas aos Premios Goya. Arima é un drama cargado de misterio protagonizado por Melania Cruz, Nagore Arias, Rosa Puga, Iria Parada, Tito Asorey e Mabel Rivera no que a vida de tres mulleres e unha nena queda alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros que perturbarán, cada un á súa maneira, o seu día a día.

A seguinte cita será con Ons (2020), do santiagués Alfonso Zarauza, un dos máximos representantes do coñecido como Novo Cinema Galego. Ambientada na illa homónima, este thriller dramático conta a historia de Vicente (Antonio Durán) e Mariña (Melania Cruz), un matrimonio que decide pasar o verán en Ons canda a irmá (Marta Lado) e o cuñado (Xulio Abonjo) dela. A idea inicial de afastarse da civilización para sandar as feridas psicolóxicas de Vicente vaise volvendo máis escura a medida que os segredos afloran.

Na terceira xornada será a quenda de Arraianos (2012), de Eloy Enciso. Unha crónica sobre unha pequena vila perdida nas montañas da fronteira entre Galicia e Portugal, nunha comunidade rural que se resiste a desaparecer, que lle valeu ao director lucense cinco candidaturas aos Premios Goya. Inspirada na obra O Bosque, do dramaturgo Jenaro Marinhas del Valle, e protagonizada por Aurora Salgado, Antonio Ferreira, Eulalia González e Celsa Araujo, a película mestura realidade, mitos e soños ao tempo que os momentos de ficción conviven coa vida cotiá dos protagonistas.

O ciclo concluirá o venres 10 coa proxección de A illa das mentiras (2020), da coruñesa Paula Cons. Unha historia baseada en feitos reais e protagonizada por Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna que obtivo 19 candidaturas nos pasados Premios Goya. A película leva a outra illa galega, neste caso á de Sálvora, e ao afundimento do buque Santa Isabel hai exactamente 100 anos. Unha catástrofe que mudou a vida da illa e dos seus habitantes e tras a que se agochan varias interrogantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará