Carnota, o nome das pedras

Cal é a orixe e significado dos nomes das parroquias e das entidades de poboación de Carnota?. Tanto este nome coma O Pindo teñen suscitado abondosas reflexións e debates en canto á súa orixe e mesmo se ten suxerido que Carnota puido ser o nome antigo ou alternativo do monte Pindo.

Carnota é un topónimo de orixe prerromana formado a partir dun radical CARN, un dos derivados da raíz car ou kar , ‘lugar pedregoso’. Un significado semellante, ‘monte penedoso ou abundante en pedra‘ é o que tradicionalmente se atribúe a unha raíz PINNETTU, que podería estar detrás do significado do Pindo; malia que tamén podería tratarse dun derivado de PINITUS, e por tanto, de PINUS, ‘piñeiro’.

Así se puso de manifesto este venres dentro das xornadas “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”, a campaña coa que Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, para divulgar o valor da  toponimia tradicional e procura persoas que colaboren na súa recollida a través da aplicación Galicia Nomeada.

Na sesión tamén se falou dos nomes dos santos patróns das dúas parroquias chamadas Carnota, San Mamede e Santa Comba. Do primeiro é interesante saber que esta advocación é característica de parroquias situadas en elevacións montañosas, xa que San Mamede foi un santo anacoreta que deu nome a varias serras e lugares altos cos seus correspondentes santuarios. No caso de Santa Comba, segundo a tradición popular, esta mártir cristiá era considerada unha meiga que se converteu cando atopou a Xesucristo, pois este díxolle: “Enmeigar enmeigarás, pero no meu reino non entrarás”.

Falando de nomes

Merche Noceda, primeira tenente de alcalde,  foi a encargada de presentar a sesión de Vicente Feijoo, coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega, que conta coa colaboración na parte relativa á orixe e significado dos nomes dos concellos, parroquias e aldeas do membro do Seminario de Onomástica e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, elixido académico de número no pleno do pasado 23 de outubro.

Vicente Feijoo falou tamén da enorme riqueza dos nomes de lugar de Galicia e do risco que se corre de perdela, e animou as persoas asistentes a colaborar na súa preservación a través da aplicación colaborativa Galicia Nomeada. Con esta ferramenta, a veciñanza pode subir á Rede os microtopónimos que coñeza, nomes tradicionais de veigas, chousas, leiras, devesas, fontes ou penedos que forman parte  dun patrimonio inmaterial único. Tamén permite enviar suxestións de corrección sobre os máis de 3.000 nomes de lugar xa rexistrados na plataforma deste municipio carnotán, que foran recollidos anos atrás a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará