Cando Arxentina era a capital do libro galego

O documental ‘Buenos Aires, a capital do libro galego no exilio‘ é un traballo audiovisual –guionizado, dirixido e producido por Xan Leira– que ofrece un repaso polo traballo da colectividade na diáspora para manter viva a edición en galego.

A cidade de Bos Aires foi, durante as seis primeiras décadas do século XX, un centro de produción artística e intelectual galega. Isto quedou patente na edición de boletíns asociativos, revistas e libros a través das entidades emigradas, exiliados e mecenas, do que se dá boa conta no audiovisual.

‘Buenos Aires, capital do libro galego no exilio’ recupera e presenta, en apenas 57 minutos, a historia da produción editorial en lingua galega que se desenvolveu na capital arxentina durante os primeiros 60 anos do século pasado. O audiovisual reconstrúe este feito histórico con testemuños de protagonistas ou investigadores daqueles feitos como Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luis Axeitos ou os xa desaparecidos Xosé Neira Vilas, Maruxa Seoane, Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Arturo Cuadrado ou Mariví Villaverde, entre outros persoeiros. Tamén teñen cabida as voces das novas xeracións de galegas e galegos da diáspora, o que lle confire unha perspectiva actual a estes sucesos.

Un traballo do guionista, produtor, director e escritor Xan Leira (Buenos Aires, 1955), que ten centrada a súa obra na recuperación da memoria histórica de Galicia, fundamentalmente nos eidos da II República, a Guerra Civil, o Exilio, a diáspora galega e a lingua galega. Sobre estes e outros temas ten producido, dirixido e escrito máis de 40 filmes documentais e máis de 100 horas de televisión.

Papel da emigración

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García saudou un documental “que pon en valor o papel de emigrantes e exiliados na promoción da nosa lingua e literatura en América durante o século XX, algo do que todos oímos falar, pero que, en realidade, non adoita ter a visibilidade e o recoñecemento que merece”. “E o máis interesante”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, “é que ese empeño por darlle vida á lingua galega en América segue vivo hoxe en día , algo do que dan fe as voces de galegos e galegas das novas xeracións que se recollen neste documental”.

Canda Valentín García participaron nesta presentación, que acolleu a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, o director do proxecto, Xan Leira, e o académico e escritor Xosé Luis Axeitos, participante no audiovisual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará