Cando algúns xornais de Madrid pensan que o galego nin é literario nin merece premios

Polémica no eido da literatura tras insinuar unha xornalista que a victoria do galego Xesús Fraga no premio nacinal de Narrativa coa obra Virtudes (e misterios) veu marcada por estar escrito en galego. O trunfo da novela, redactada en galego, foi recibido con ledicia e celebración de parte dos círculos literarios galegos e tamén de boa parte dos medios de comunicación en castelán que se fixeron eco da nova.

Non foi o caso dunha columnista do ABC que, xornadas atrás, lanzou un cuestionamento ao galardón: “Cabe pensar que el Nacional premia la lengua por encima del libro? Acaso la literatura no es suficiente?”. Na mesma columna, dá a entender que o descoñecemento do autor entre os círculos literarios en castelán tiña relación coa “escasa relevancia da obra”.

Tal e como recolle o xornal Galicia Confidencial, o artigo vén de ser respondido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que saíu en defensa duns comentarios nos que critica o “tinte colonialista” e que “definen a quen os emite como ignorantes incapaces de consultar a información a que todas e todos temos acceso”.

Fronte ao que consideran un “ataque explícito” ao recoñecemento recibido por Fraga, reivindican a traxectoria do autor e deixan clara a súa “admiración” polo premio. “Entendemos que ningunha institución cultural galega que defenda a nosa lingua e o papel imprescindíbel das escritoras e escritores pode quedar indiferente ante estas agresións”.

A autora do artigo facía fincapé no feito de que os últimos galardóns achegados no marco do Premio Nacional tiveron como obxecto obras en linguas cooficiais, e ligou o feito á presenza do socialista Miquel Iceta no Ministerio de Cultura, ante o cal destacou o papel da figura do “federalismo cultural”. “Sen dúbida, o lingüístico vén de pasar a ser unha categoría máis reivindicativa que estética”, aseguraba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará