Así multaba o franquismo aos valentes que defendían o galego

O galego, xunto coas demais linguas minorizadas do estado, está sendo obxecto de debate, especialmente no eido educativo nas últimas semanas. A normalización destas linguas é o obxectivo a conseguir polas súas sociedades, e este proceso é preciso polo trato ao galego, ao euskera ou ao catalán durante a historia e, en concreto nos últimos tempos, durante o franquismo. Como recolle o Consello de Cultura Galego, “o franquismo supuxo un gran retroceso para a cultura galega” e que nos anos da ditadura, “o galego estivo ausente de tódolos usos oficiais e públicos, desaparecendo case calquera manifestación cultural na nosa lingua”.

Na última etapa do franquismo, tal e como apunta o portal Historia de Galicia,  “abriuse a man” e comezáronse a publicar algunhas obras en galego. Aínda así, non se podía dar unha opinión sobre a importancia da nosa lingua. No ano 1967, iniciouse un expediente sancionador contra o director de La Voz de Galicia pola publicación dun artigo firmado por Augusto Assía no que defendía o uso, promoción e importancia da lingua galega.

“O que a min me interesa é o pobo galego. O idiomo galego interésame por consecuencia. Interésame porque é a máxima creación espiritual do meu pobo e, na subsistencia e na perfecta restauración dese idioma, cífrase a maior parte do desenvolvemento cultural e económico do país“, afirmou Assía no ano 1967 que definiu como “xenocidio espiritual” o obxectivo de destruir a lingua. Ademais, tamén incidiu en que o uso de galego era un “criterio de discriminación social”, principalmente de clase.

O director de La Voz, Francisco Pillado Rivadulla, foi sancionado con 50000 pesetas. O expediente sacionador, sacado á luz por Javier L. Vallo neste post de Facebook, recolle toda unha argumentación en contra das ideas propostas por Ussía. En dito expediente fálase de que o artigo está “abrindo unha loita contra todos os castelán parlantes”. Este feito reflicte o que acontecía no franquismo nos seus últimos anos. Aceptábase a existencia do galego, mais non a súa promoción, oficialidade e normalización xa que seguía sendo considerado un dialecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará