Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Cales son os retos da lingua no mundo tecnolóxico?

É a principal cita internacional sobre tecnoloxía e ensinanza de linguas e nela reúnense arredor de 250 persoas de países como Xapón, Australia, Brasil ou China. Este mércores arrancou a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo a VI edición do Congreso internacional de lingua, lingüística e tecnoloxía, techLING2021, un encontro que se celebra integramente en liña, con cinco idiomas oficiais e no que ao longo de tres días se presentarán máis dun cento de relatorios sobre lingua, lingüística e o impacto que nelas teñen as novas tecnoloxías dixitais, tanto no exercicio profesional da tradución e a interpretación,  como na ensinanza de idiomas e no tratamento automático das linguas.

Organizado polos profesores José Yuste, Óscar Ferreiro, Ramón Méndez e Emmanuel Bourgoin, do Grupo de investigación Tradución & Paratradución da Universidade de Vigo, a inauguración do encontro contou coa participación, ademais do propio equipo organizador, dos reitores das universidades de Vigo e do Minho, Manuel Reigosa e Rui Vieira de Castro, así como do decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero. Os tres aproveitaron este acto para pór o foco na fortaleza das humanidades e reclamar para elas “un futuro brillante”, tal e como recalcou o propio Reigosa. Nesta liña, o seu homólogo na Universidade do Minho fixo referencia á hipermencionada crise das humanidades e o papel que teñen nun mundo no que prima a economía e a tecnoloxía, “neste contexto cobran importancia encontros como este nos que se interconexionan temáticas como lingüística e tecnoloxía, unha conexión que, a todas luces, é máis que estimulante”.

Innovación e multilingüismo

No nome do comité organizador, o profesor José Yuste relatou como a organización deste encontro internacional, con todos os retos que trouxo consigo, lles coincidiu coa preparación da documentación da solicitude que realizaron á Xunta e que os levou a conseguir o pasado mes de agosto a Mención de Excelencia para o seu Máster en Tradución para a Comunicación Internacional, MTCI. “

A conferencia inaugural do congreso correu a cargo do profesor da Universidade de Salamanca Jesús Torres, experto en tecnoloxías de tradución, localización de sitios web e software, quen, mediante unha análise baseada, á vez, na observación e a experimentación de prácticas concretas de aplicación tecnolóxica na tradución (contornas asistidas de tradución, tradución automática, ferramentas de xestión de proxectos e tradución colaborativa…) fixo un repaso crítico da evolución da tecnoloxía da tradución nestas dúas primeiras décadas do século XXI.

Ademais da conferencia inaugural, neste primeiro día do congreso contarase tamén como convidada coa profesora Aurora Ruiz, da Universidad de Córdoba, que impartirá o relatorio El impacto de la (r)evolución digital en el ámbito de la interpretación de lenguas.

Congreso internacional

Este xoves a conferencia plenaria correrá a cargo da profesora francesa Stéphanie Roussel, da Universidade de Burdeos, Francia, e centrarase nas actividades cognitivas do estudante de idiomas con tecnoloxía dixital. A cuarta conferencia plenaria leva por título Nuevas tecnologías, gamificación y aprendizaje basado en videojuegos para el desarrollo de la competencia lingüística en traducción e interpretación e será impartida polos  profesores José Ramón Calvo e José Belda da Universitat d’Alcant. O último día, o venres 17, contarase coa participación da profesora Rute Costa, do Centro de Lingüística da Universidade Nova de Lisboa, quen en 2011 recibiu a distinción da Orde das Artes e das Letras outorgada polo Ministerio de Cultura de Francia, presidenta da Asociación Europea de Terminoloxía (EAFT) entre os anos 2000 e 2006. A derradeira conferencia correrá a cargo da catedrática, directora do Departamento de Tratamento Informático Multilingüe (TIM) e decana da Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Xenebra, Pierrette Bouillon.

A estas conferencias internacionais hai que sumar o máis dun cento de relatorios que se van presentar ao longo deste tres días realizadas polas persoas inscritas no congreso, maioritariamente persoal docente e investigador de universidades, mais tamén mozas e mozos que están en fase de predoutoramento e que se animaron a presentar neste evento o avance das súas investigacións.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.