Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Caixas con espellos nas cidades galegas para “sacar a lingua” que levamos dentro

A Xunta puxo en marcha a campaña ‘Saca o galego que levas dentro‘, unha acción que, informa, busca pór en valor a lingua propia entre toda a sociedade; destacar a súa importancia como elemento chave da nosa identidade e alimentar o orgullo e o sentimento de pertenza, así como fomentar o seu uso entre todos os galegos e galegas.

A campaña consiste na itinerancia polo catro provincias dunhas estruturas xigantes con espellos nos que os viandantes poden verse reflectidos, á vez que len a mensaxe ‘Din que a beleza está no interior. E ti gardas unha lingua fermosa! Saca o galego que levas dentro’.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este martes, na praza de Vigo da Coruña, esta nova iniciativa da Xunta, que arrinca simultaneamente na cidade herculina e en Ferrol.

Acompañado de representantes municipais, destacou que Galicia e os galegos e galegas “temos un gran tesouro, a nosa lingua, un símbolo de riqueza cultural, social, histórica e comunicativa, ademais dunha ferramenta de moi notable utilidade que nos permite comunicarnos mesmo fóra da nosa Comunidade”.

Na estrutura figura tamén o cancelo #SACAOGALEGOQUELEVASDENTRO acompañado da mensaxe “E compárteo con orgullo”, que convida a quen o lea a tomar unha foto no espello e compartila en redes sociais, trasladando así a campaña das rúas galegas ao mundo virtual. Despois da Coruña e Ferrol, esta acción visitará Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Arteixo.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.