Blanca Riestra gaña o Eduardo Blanco Amor cunha obra coa Coruña como “gran personaxe colectiva”

A escritora coruñesa Blanca Riestra foi elixida gañadora do XL Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra ‘Aquí empeza o mar’, presentada baixo o lema ‘O sumidoiro’, e na que retrata a cidade da Coruña a través de diversos momentos da súa historia.

Diso informou a Deputación de Ourense nun comunicado, no que sinala que a novela gañadora foi seleccionada de entre un total de 37 orixinais presentados a este certame, que organiza a institución provincial en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor e que está dotado cun premio de 15.000 euros.

O xurado, reunido este xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel, valorou de forma unánime que a novela “entronca coas tendencias literarias actuais que se cultivan noutros lugares”, destacando a elección da cidade da Coruña como “gran personaxe colectivo en varios momentos da súa historia recente, retratándoa cunha forma moi orixinal” a través dun estilo que combina xéneros como a literatura de autoficción, o xornalismo ou a novela da memoria, “sen perder nunca como faro literario a forza da subxectividade”.

Todo isto, engade a acta, enriquecido cun relato xeracional no que se reflicten con acerto as vivencias de protagonistas ficticios, pero tamén reais, que deste xeito xa quedan para sempre inmortalizados.

Blanca Riestra (A Coruña, 1970) é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora pola Universidade de Borgoña (Francia). Foi directora do Instituto Cervantes de Alburquerque (Estados Unidos), directora literaria da colección ‘Versión Celeste’ da editorial francesa Orbis Tertius, profesora universitaria e, na actualidade, é docente no IES Adormideras da Coruña.

O premio, o máis veterano da novela en lingua galega, será entregado nun acto que se celebrará no Liceo de Ourense o próximo 1 de decembro, coincidindo co 42 aniversario da morte do escritor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará