Cando os neofalantes son falantes universais

«Nunca choveu que non escampara» é unha das súas máximas feita canción. Criada entre a música clásica e as verbenas, Lydia Botana(Fonteculler, 1984) é unha muller de raíces que loita cantando polo mundo adiante por que non lle corten as ás. Unha vez esqueceu quen era, pero nunca o nome da súa terra. Ela pon a cantar en galego a todo mundo, de Canarias a Chile, de Níxer a Bruxelas, Brasil ou Xapón.

O seu idilio coa lingua é especial, ten arte e ten historia, porque Lydia é filla de xente do barrio coruñés de Palavea que emigrou a Londres. «A eles impedíaselles falar galego. Son filla de emigrantes aos que lles cortaron parte das raíces», manifesta nunha reportaxe en La Voz. A pequena Lydia oía o galego da boca dalgúns profesores e dos avós maternos. «Os pais da miña nai foron os que emigraron a Londres. Levárona para alá aos 13 anos. Falaban o galenglish, o galego mesturado co inglés. Tiña un remexido na cabeza meu avó!, aínda o dixen nunha canción. El dicía: Apaghaches a luz da living room?», recorda Lydia.

Neofalante na facultade

Duarte Cea era o único da súa familia, agás a nai, que non falaba galego porque decidiron que educalo en castelán sería máis útil para el. Con 17 anos, Duarte Cea (A Coruña, 1998) decidiu mudar esa situación e comezar a falar a lingua da familia: tornouse neofalante.

Ata chegar á Universidade de Santiago, onde estudou Ciencias Políticas, Duartefalaba castelán coa familia e amigos, aínda que dominaba o galego sen problemas: «O primeiro contacto que teño co galego é na casa, pero eu fun criado en castelán. Na escola non tiña problemas, como outros rapaces que non tiñan ningún tipo de contacto coa lingua máis alá das clases da escola, eu dominaba perfectamente os dous idiomas pero socializaba en castelán». Chegou a Santiago decidido a comezar a falar galego para pór en valor a lingua da súa familia: «Foi unha media entre valorar o que teño e acostumarme a falar o que teoricamente debería ter falado dende o principio». Toda a reportaxe en La Voz de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará