200 euros por poñer a lápida en galega

tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o Concello estuda lanzar axudas de 200 euros para que as familias que o desexen poidan galeguizar as lápidas dos seus defuntos no cemiterio municipal. En concreto, o goberno local habilitará un fondo de 10.000 euros nos seus orzamentos para 2022.

Así o traslada o seu departamento este domingo despois de que esta semana tanto Arroxo como a concelleira de Participación, Cristina López, visitasen o camposanto nos días previos á celebración do 1 de novembro.

“Desde o goberno de Lugo continuamos realizando distintas campañas para promocionar o uso da lingua galega, neste caso no cemiterio municipal, para garantir que todas as familias que o desexen poidan ter as lápidas dos seus defuntos en galego“, explicou o tenente de alcalde.

Trátase dunha proposta que o goberno lucense recolle da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, que este mesmo sábado presentaba a campaña ‘En galego, agora e sempre’ no cemiterio de Romea, en Lalín (Pontevedra).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará